A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro vén de acordar a ampliación do prazo para a resolución definitiva das axudas da convocatoria 2025, co obxectivo de garantir unha avaliación rigorosa do alto número de proxectos presentados polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia.

A nova data límite para emitir e notificar a resolución definitiva será o 21 de agosto de 2025, segundo recolle a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Esta ampliación mantense dentro do exercicio orzamentario vixente e permitirá que todos os proxectos poidan ser valorados con detalle antes de comunicar a súa resolución.

O procedemento de concesión das axudas, ao abeiro do FEMPA 2021–2027, segue así en marcha conforme ao establecido na Orde do 12 de febreiro de 2025, que regula a xestión dos fondos destinados a proxectos de desenvolvemento local participativo no ámbito pesqueiro (código de procedemento PE115A).