O GALP Golfo Ártabro Sur participará en tres novos proxectos de cooperación interterritorial aprobados pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Estas iniciativas, nas que colaboran os oito GALP galegos, buscan promover o desenvolvemento sostible das zonas costeiras e fortalecer o vínculo entre o mar, a saúde, o turismo e a formación das novas xeracións.
O primeiro deles, “Pesca Saúde”, ten como obxectivo fomentar o consumo de peixe e marisco galego como parte dunha alimentación equilibrada e saudable. O proxecto desenvolverá accións de divulgación e sensibilización en colaboración con profesionais da nutrición, da restauración e do ámbito sanitario, promovendo hábitos alimentarios sostibles e o coñecemento das propiedades nutricionais dos produtos do mar.
O segundo proxecto, “Mar e Rías: Pesca&Turismo”, céntrase en impulsar a diversificación económica do sector pesqueiro a través do turismo mariñeiro e da pesca-turismo. A iniciativa inclúe accións formativas para profesionais do mar interesados en abrir novas vías de actividade complementarias, así como actividades de promoción conxunta e difusión das experiencias turísticas que xa se desenvolven en distintas vilas galegas.
Finalmente, o proxecto “Relevo Xeracional: O futuro do mar”, busca achegar o sector pesqueiro e mariñeiro á mocidade, poñendo en valor as oportunidades laborais que ofrece o mar. O proxecto incluirá charlas en centros educativos, visitas a confrarías e embarcacións, embarques didácticos, xornadas sobre formación profesional dual e campañas de comunicación para dar a coñecer os oficios mariños entre o alumnado.
Estas tres iniciativas, nas que o GALP Golfo Ártabro Sur terá un papel activo, representan un paso máis no compromiso do grupo coa cooperación entre territorios, a innovación social e o fortalecemento das comunidades costeiras. A través delas, búscase reforzar a cultura mariñeira, promover unha economía azul sostible e garantir o relevo xeracional que asegure o futuro do mar e das persoas que viven del.