O Centro Mar de Sorrizo acolleu os días 21 e 22 de agosto as Xornadas sobre Mar e Naufragios, unha iniciativa integrada no proxecto “Mar de Sorrizo: recuperación e divulgación do patrimonio cultural pesqueiro de Arteixo”, promovido polo Concello de Arteixo e financiado a través das axudas do GALP Golfo Ártabro Sur.

Durante dúas sesións, as xornadas reuniron diferentes especialistas para achegar ao público distintas perspectivas sobre a historia marítima, os naufraxios e o patrimonio vinculado ao mar. O programa permitiu coñecer mellor a historia dos sinistros marítimos documentados no litoral de Sorrizo, afondar no patrimonio dos naufraxios da costa coruñesa e descubrir a importancia da carpintería de ribeira e da construción naval tradicional en madeira en Galicia.

As xornadas tamén abordaron a historia do cruceiro Blas de Lezo, afondando no seu contexto histórico e na súa relación coa construción naval galega e coa historia marítima contemporánea. Ao remate de cada sesión, os asistentes puideron compartir unha degustación de produtos do mar, incorporando tamén a gastronomía como parte da cultura e da identidade vinculada ao territorio.

Esta actividade forma parte dun proxecto máis amplo que ten como finalidade recuperar, conservar e poñer en valor o patrimonio mariñeiro de Arteixo, tanto material como inmaterial. “Mar de Sorrizo” contempla actuacións como a construción dunha réplica dunha chalana tradicional, a restauración de artes de pesca e partes de embarcacións, a creación de materiais didácticos e audiovisuais e a realización de talleres e actividades divulgativas.

Con iniciativas como estas, o proxecto busca fortalecer o vínculo da comunidade co seu patrimonio marítimo, transmitir os coñecementos e tradicións ligados ao mar ás novas xeracións e contribuír a manter viva a identidade mariñeira do territorio.