O proxecto de cooperación Pesca Saúde levou ao territorio do GALP Golfo Ártabro Sur unha proposta práctica para achegar os produtos pesqueiros e marisqueiros á alimentación diaria. Os días 22 e 23 de setembro, a OMIX de Sada acolleu o primeiro Obradoiro de Batchcooking, unha actividade pensada para aprender a organizar os menús da semana, aproveitar mellor o tempo na cociña e incorporar peixe e marisco local a unha alimentación equilibrada.
A actividade contou cunha boa acollida e permitiu traballar, desde unha perspectiva práctica, diferentes maneiras de preparar e conservar produtos pesqueiros para facilitar o seu consumo ao longo da semana. Durante dúas sesións de catro horas, as persoas participantes combinaron coñecementos de cociña, nutrición e produto local.
A parte práctica correu a cargo do chef Lolo Mosteiro, de A Artesa da Moza Crecha, mentres que a nutricionista Valeria Freijedo, de Arela Saúde, achegou recomendacións relacionadas coa planificación dos menús e coa alimentación equilibrada.
O obradoiro foi máis alá da elaboración de receitas. Nas sesións abordáronse cuestións moi prácticas para o día a día, como que especies funcionan mellor para conservar no frigorífico ou no conxelador, que métodos de cocción permiten manter as propiedades do produto, como preparar bases reutilizables para diferentes pratos ou como reducir o desperdicio alimentario.
A Confraría de Pescadores de Sada participou tamén na actividade para achegar ás persoas asistentes información sobre o produto pesqueiro local, as especies da zona e as diferentes formas de extracción. Deste xeito, o obradoiro permitiu coñecer tanto as posibilidades culinarias do peixe e do marisco como a súa orixe e a actividade que existe detrás do produto que chega ás mesas.
As persoas participantes levaron ademais un receitario e materiais con recomendacións nutricionais, xunto con diferentes elementos vinculados ao proxecto. Entre eles, unha bolsa elaborada a partir de redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados pola Asociación de Redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo.
A programación de Pesca Saúde continuará no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur cun novo Obradoiro de Batchcooking os días 21 e 22 de outubro, que volverá celebrarse na OMIX de Sada. O prazo de inscrición abrirase proximamente, polo que as persoas interesadas poderán estar atentas ás canles de comunicación do GALP para coñecer os detalles e formalizar a súa participación.
Pesca Saúde é un proxecto de cooperación no que participan sete GALP galegos, co obxectivo de promover o consumo de produtos pesqueiros e marisqueiros no marco dunha alimentación saudable. A través de actividades como os obradoiros de batchcooking, o proxecto busca achegar o produto do mar á cidadanía desde unha perspectiva práctica, saudable e ligada ao territorio, contribuíndo ao mesmo tempo a poñer en valor os produtos da pesca e do marisqueo locais.
Comentarios recientes