O GALP Golfo Ártabro Sur celebrou o pasado luns 29, ás 18:00 horas, a súa Asemblea Xeral de socios, na que se aprobaron os principais asuntos de xestión da entidade e se fixo balance da actividade desenvolvida durante a anualidade 2025. A sesión permitiu, ademais, compartir coas entidades socias as principais liñas de actuación que marcarán o traballo do grupo durante os vindeiros meses.
Durante a sesión presentouse o informe de actividade do GALP, a evolución da execución da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), o estado das convocatorias de axudas e a situación financeira do grupo. Así mesmo, abordáronse os principais retos do actual período de programación e as actuacións previstas para continuar impulsando o desenvolvemento sostible das zonas costeiras e o apoio ao sector marítimo-pesqueiro.
Previamente, ás 17:45 horas, celebrouse o Foro Final de Avaliación Intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), un encontro no que se analizou o grao de execución da estratexia e se presentaron as conclusións e propostas recollidas durante as mesas sectoriais desenvolvidas ao longo do proceso de avaliación. Este foro serviu como punto de partida para enriquecer o debate da Asemblea e continuar mellorando as accións impulsadas polo GALP.
Ambos encontros tiveron lugar na sede do GALP Golfo Ártabro Sur, situada na Casa do Mar de Sada (Avenida do Porto, 21, baixo).
A Asamblea serviu tamén para reforzar o compromiso das entidades socias co traballo desenvolvido polo GALP e coa continuidade dunha estratexia baseada na participación do territorio, a colaboración entre entidades e o apoio a proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico, social e ambiental das zonas costeiras do Golfo Ártabro Sur. O grupo agradece a asistencia e implicación de todas as persoas participantes, fundamentais para seguir avanzando na consecución dos obxectivos da EDLP.
Durante a reunión informouse tamén da situación actual do programa FEMPA e das actuacións que o GALP está a desenvolver para defender a continuidade do modelo de Desenvolvemento Local Participativo no futuro período de programación.
Comentarios recientes