A Consellería do Mar impulsa o Bono Peixe, unha axuda de ata 50 euros por persoa que ten como obxectivo dinamizar o consumo de peixe e marisco fresco nas peixerías, prazas de abastos e mercados galegos adheridos ao programa.

Esta iniciativa está especialmente pensada para apoiar ao sector da pesca e da acuicultura galega, promovendo que a cidadanía poida seguir disfrutando do mellor produto do mar galego con importantes descontos.

Como funciona para os clientes?

Cada persoa maior de 18 anos residente en Galicia pode solicitar o bono a través da web oficial bonopeixe.gal ou mediante unha aplicación móbil específica. Tras introducir os seus datos (DNI e teléfono móbil), recibirán un bono de desconto valorado en 50 €, que poderá utilizar en diversos establecementos comerciais adheridos e identificados co distintivo da campaña.

En cada compra de peixe e marisco fresco, o cliente poderá descontar un 25 % do importe da compra, ata un máximo de 5 € por transacción. Por exemplo, se a compra alcanza os 20 €, o desconto será o máximo permitido de 5 €; se é de 10 €, aplicarase un desconto de 2,5 €.

Ademais, se o cliente acumula descontos non usados en semanas anteriores, poderá utilizalos, sempre respectando que o desconto total non supere os 25 € nunha mesma semana.

Onde se pode canxear o bono?

  • Peixerías tradicionais e postos nas prazas de abastos.
  • Vendedores ambulantes de peixe e marisco.
  • Supermercados e hipermercados que conten con peixería adheridos ao programa.

E para os comerciantes, como funciona?

Os establecementos interesados en participar poden inscribirse no programa a través da web bonopeixe.gal. O proceso de cobro é sinxelo e dixitalizado: o comercio utiliza unha aplicación TPV na que se introduce o importe da compra; o cliente amosa o código QR do seu bono; a app valida e calcula o desconto, que o comercio aplica; e a plataforma xestiona o pago do importe descontado ao establecemento a través da entidade financeira.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur animamos tanto a comerciantes como a consumidores a aproveitar esta iniciativa que contribúe a fortalecer o sector pesqueiro galego e a promover unha alimentación saudable e de proximidade baseada no mar.