O sábado 7 de xuño tivo lugar nos estaleiros Catoira de Rianxo a botadura oficial do Patexo, unha embarcación tradicional de media construción promovida pola Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros. A construción do Patexo forma parte do proxecto Ecomuseo a flote, unha iniciativa financiada polo GALP Golfo Ártabro Sur, que busca recuperar, preservar e divulgar a memoria mariñeira da vila de Sada e do Golfo Ártabro.

O acto contou coa asistencia do xerente do GALP, Federico López, quen acompañou á asociación neste momento simbólico para a cultura marítima do territorio. A botadura representa un paso fundamental na creación do primeiro ecomuseo flotante da zona, un espazo vivo e itinerante que permitirá transmitir o legado do mar co obxectivo de recuperar e transmitir o saber mariñeiro de Sada e da contorna.

O Patexo será unha ferramenta para conservar e activar o patrimonio inmaterial vinculado ao mar, como a carpintería de ribeira, os oficios mariñeiros, as artes de pesca, as técnicas de navegación ou as historias que construíron o carácter das vilas costeiras.

Este proxecto aposta por un enfoque participativo e interxeracional, que busca implicar tanto a colectivos do sector como á cidadanía, especialmente á mocidade, fomentando a educación patrimonial, a innovación cultural e o orgullo de pertenza a unha tradición viva.

A través da navegación, das visitas guiadas, dos obradoiros e das actividades a bordo, o Patexo achegará o mar, facendo do patrimonio un motor activo para o desenvolvemento sostible e comunitario. O proxecto suma tamén á estratexia do GALP de apoiar iniciativas que diversifican a economía local e fortalecen o vínculo entre o mar e a sociedade.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur celebramos con entusiasmo esta botadura e reiteramos o noso apoio a proxectos que conectan tradición e futuro a través do mar, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e á identidade das nosas comunidades costeiras.