O GALP Golfo Ártabro Sur, Vegalsa-Eroski, a Confraría de Pescadores de Sada e ACERGA únense para educar en consumo responsable e pesca sostible.
A Lonxa de Sada transformouse nun espazo de aprendizaxe viva para o alumnado de 3º de Primaria do CEIP de Sada e os seus Contornos, grazas á primeira edición do proxecto educativo “Capitán Mareas”. Esta iniciativa, promovida por Vegalsa-Eroski na que colabora o GALP Golfo Ártabro Sur, contou coa participación da Confraría de Pescadores de Sada, que xogou un papel fundamental ao abrir as portas das súas instalacións e explicar, paso a paso, o camiño que percorre o peixe: dende o mar ata a mesa.
Durante a visita, os nenos e nenas puideron coñecer en detalle o funcionamento da lonxa, observar e participar do proceso de subasta e descubrir o labor das persoas do mar, entendendo o seu valor como motor económico, social e cultural do territorio. Esta experiencia en primeira persoa audou a sensibilizar aos rapaces sobre o valor dos recursos mariños e a necesidade dunha pesca sostible e o relevo xeracional para garantir o futuro do litoral.

O Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañou ao alumnado durante a xornada e puxo en valor a importancia de educar ás novas xeracións sobre a realidade e os retos do sector pesqueiro galego.
Outro dos momentos destacados foi o obradoiro culinario impartido polo chef Lolo Mosteiro, do proxecto A Artesa da Moza Crecha, no que os rapaces elaboraron unha receita con sardiñas frescas gracias á contribución de ACERGA (Asociación de Armadores de Cerco de Galicia). As sardiñas, peixe azul de gran valor nutricional e moi presente na nosa gastronomía, foron o ingrediente perfecto para reforzar a conexión entre o produto do mar, a alimentación saudable e o respecto polo territorio.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur seguimos apostando por proxectos que educan no presente para coidar o futuro. Iniciativas como “Capitán Mareas” achegan o mar ás escolas, promoven o consumo responsable de peixe de proximidade e contribúen a formar unha sociedade máis consciente, orgullosa da súa cultura mariñeira e comprometida coa sostibilidade.
Comentarios recientes