O proxecto ENSA, unha iniciativa de Sofía José Moreno Gómez-Acebo, financiada polo GALP Golfo Ártabro Sur que aposta pola posta en valor da cultura do mar como motor de desenvolvemento local.

Co obxectivo de conectar a cidadanía e as persoas visitantes coa riqueza pesqueira e ambiental da ría de Betanzos, o proxecto promove unha ampla programación de actividades que combinan formación, inclusión, promoción gastronómica e sensibilización ambiental.

As rutas ecoturísticas a vela permiten achegarse ao traballo diario dos colectivos do mar: mariscadores/as, carpinteiros/as de ribeira, bateeiros/as, pescadores/as, portos locais. Ao mesmo tempo, ofrécese información sobre a fauna, a flora e a historia deste singular espazo litoral, cun enfoque que promove o turismo responsable, a pesca artesanal e o consumo de proximidade.

É tamén un proxecto con vocación social, que inclúe actividades náuticas adaptadas para persoas maiores ou con diversidade funcional, promovendo unha maior accesibilidade e democratización do acceso ao mar. Esta dimensión inclusiva amplía o impacto do proxecto, facendo do turismo mariñeiro unha ferramenta de cohesión e benestar comunitario.

A vertente gastronómica ten tamén un lugar destacado. ENSA impulsa a colaboración con restaurantes e hoteis locais, que poden ofrecer degustacións a bordo e integrar nas súas cartas produtos do mar da contorna: mexillóns de Lorbé, ourizos, algas de Portomuiños, peixe da ría, entre outros. O proxecto contempla, ademais, a organización de semanas mariñeiras e gastronómicas, así como a participación en feiras e eventos especializados, xerando sinerxías entre a actividade turística, os produtores locais e a economía do mar.

Como escola náutica oficial da Xunta de Galicia, a entidade promotora tamén ofrece formación en navegación a vela, alugueiros náuticos, xornadas de pesca recreativa e mesmo a participación en regatas, ampliando as posibilidades de experiencia no mar e contribuíndo á xeración de novo emprego azul vinculado ao turismo náutico.

A través do apoio do GALP Golfo Ártabro Sur, ENSA contribúe á dinamización económica do territorio, á creación de emprego e á valorización dunha identidade mariñeira viva, conectando o pasado co presente e ofrecendo novas oportunidades de futuro dende o mar.