O GALP Golfo Ártabro Sur continúa avanzando na execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), unha folla de ruta que busca fortalecer o sector pesqueiro e dinamizar o territorio a través do apoio a proxectos innovadores, sostibles e xeradores de oportunidades.

Durante 2025 financiáronse un total de 32 proxectos, cunha axuda concedida de 1.484.963,64 €, o que supón xa o 34,32 % do orzamento total da estratexia. Estes investimentos están a traducirse en iniciativas que contribúen á creación de emprego, á diversificación da actividade económica e á mellora da competitividade do sector marítimo-pesqueiro.

O investimento executado neste período acadou os 1.972.680,16 €, repartido entre distintas liñas de actuación. A maior parte dos fondos concentrouse en proxectos de creación de valor engadido, seguidos por actuacións de diversificación económica, protección do medio ambiente, iniciativas socioculturais, accións de gobernanza e proxectos de cooperación.

Esta estratexia desenvólvese grazas ao convenio asinado coa Consellería do Mar para a xestión do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), que achega ao GALP Golfo Ártabro Sur 4.327.320,46 € destinados á execución da EDLP e ao impulso de proxectos que favorezan un desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio costeiro.

Ademais do apoio económico, ao longo do ano desenvolvéronse diversas accións de dinamización e divulgación. Entre elas destaca a III Xornada Online «Avanzando sobre enerxías renovables no sector pesqueiro», que tamén abordou campañas de promoción do consumo de peixe e marisco e sesións informativas sobre as axudas da EDLP para fomentar a presentación de novos proxectos.

Entre as iniciativas financiadas en 2025 sobresaen proxectos de economía circular e innovación, como a fabricación de bloques de formigón reciclado con residuos de cuncha de molusco, promovida por Construcións M.A. Ramos S.L., ou a transformación de cunchas de moluscos en sales orgánicas de calcio impulsada por Blue Marine Oil. Son exemplos do impacto que a EDLP está a ter no territorio, apoiando solucións que combinan innovación, sustentabilidade e valorización dos recursos mariños.