O GALP Golfo Ártabro Sur pechou recentemente o prazo de presentación de solicitudes para a súa convocatoria de axudas 2025, o pasado 21 de marzo, cunha resposta excepcional por parte dos promotores. En total, recibíronse 35 proxectos, que solicitan 1,75 millóns de euros, o que permitirá mobilizar aproximadamente 2,5 millóns de euros para o desenvolvemento sostible do territorio.
As solicitudes recibidas representan o 40,5% do total da estratexia do GALP, que conta cun orzamento total de 4.327.320 euros. Destaca especialmente a importante participación do sector pesqueiro, que solicita 890.684,94 euros, o que representa o 50,93% das iniciativas presentadas. Este dato subliña, unha vez máis, o papel clave que xoga o sector pesqueiro na economía local e na súa dinamización.
Un dos aspectos máis notables desta convocatoria é a alta presenza de proxectos innovadores, que contribuirán á diversificación e modernización do sector pesqueiro e costeiro. De feito, o 86% das iniciativas produtivas presentadas pertencen ao sector pesqueiro, consolidando a súa relevancia tanto na economía local como no desenvolvemento sostible do litoral.
Este volume de solicitudes reflicte o gran interese da comunidade por avanzar de forma sostible e innovadora, tanto dentro como fóra do sector pesqueiro. A previsión é que, coa aprobación e execución destes proxectos, o GALP Golfo Ártabro Sur poida mobilizar o 50% do crédito total concedido pola Consellería, o que terá un impacto directo na dinamización do sector e das comunidades mariñeiras.
O presidente do GALP Golfo Ártabro Sur destacou que «a gran acollida desta convocatoria demostra o compromiso do noso territorio co crecemento sostible e a innovación. O GALP segue traballando para impulsar proxectos que poñan en valor os recursos mariñeiros e fortalezcan a nosa economía costeira».
A partir de agora, os proxectos presentados serán avaliados para a súa posible aprobación e posterior desenvolvemento, asegurando que os investimentos cheguen a iniciativas que contribúan ao futuro do sector pesqueiro e á dinamización das comunidades mariñeiras.