O Museo Mar de Sorrizo trasladouse ás rúas de Arteixo cunha exposición de paneis exteriores que permite coñecer de preto o proxecto e a historia do noso patrimonio mariñeiro. Esta iniciativa, promovida polo Concello de Arteixo, forma parte do proxecto “Mar de Sorrizo”, financiado a través das axudas do GALP Golfo Ártabro Sur.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur reafirmamos o noso compromiso coa promoción da cultura mariñeira e a posta en valor dos recursos vencellados ao mar, apoiando accións que contribúan á dinamización do territorio e ao fortalecemento da identidade costeira.
A exposición, de carácter itinerante, está composta por oito paneis. Neles faise un percorrido pola historia do Museo Mar de Sorrizo, co obxectivo de achegar á cidadanía o valor do patrimonio marítimo local e fomentar a participación na ampla oferta educativa e turística que ofrece.
A mostra pon especial énfase na memoria local, nas actividades marítimas realizadas polas mulleres, na riqueza xeolóxica, na biodiversidade mariña, nos avistamentos de cetáceos e nas grandes historias de naufraxios, entre outros tesouros do patrimonio inmaterial de Arteixo.
“Mar de Sorrizo” é unha iniciativa orientada á recuperación e divulgación do patrimonio cultural, material e inmaterial pesqueiro e do litoral do Concello de Arteixo. A exposición forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe rutas guiadas a pé para descubrir o litoral, obradoiros educativos, un certame de pintura e unha xornada divulgativa sobre naufraxios, xeoloxía e patrimonio.
Promover o desenvolvemento local mediante actividades turísticas sostibles vinculadas ao mar, fomentar a educación ambiental e apoiar proxectos que difundan o coñecemento da cultura mariñeira son aspectos que desde o GALP Golfo Ártabro Sur consideramos fundamentais.
A exposición estará dispoñible no Santuario da Pastoriza ata o 3 de outubro.
Comentarios recientes