Como evolucionou a pesca en Sada? Que pegada deixou na historia da vila e que permanece hoxe daquel porto mariñeiro? O pasado 9 de outubro, a experiencia Fillos do Mar convidou a responder estas preguntas a través dun percorrido pola memoria marítimo-pesqueira local, da man da Confraría de Pescadores de Sada.
A proposta, a primeira experiencia de turismo mariñeiro impulsada no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, permitiu achegarse á evolución da actividade pesqueira e descubrir espazos e elementos que forman parte da identidade da vila.
Un dos puntos destacados da visita foi a Lonxa de Sada, onde as persoas participantes coñeceron o seu funcionamento e descubriron a rula dos anos cincuenta, unha peza singular que continúa en activo e conserva a esencia das antigas poxas. Unha oportunidade para comprender como cambiou a comercialización das capturas e como o porto segue a ser un espazo fundamental para a actividade pesqueira.
A xornada completouse coa presentación do libro Fillos do Mar, unha publicación da Confraría que recolle a historia da entidade e a súa vinculación coa vida mariñeira de Sada. Ademais, presentáronse e degustáronse novas elaboracións listas para consumir na casa, preparadas con produtos de proximidade da lonxa e adaptadas ás novas demandas de consumo.
A experiencia tivo unha gran acollida e contou coa presenza da directora xeral da Consellería do Mar e do alcalde de Sada, nunha xornada que conectou o patrimonio marítimo, a memoria colectiva e as posibilidades actuais de valorización dos produtos pesqueiros.
Con iniciativas como esta, o turismo mariñeiro abre novas vías para dar a coñecer o traballo dos profesionais do mar, transmitir o coñecemento ligado á pesca e achegar a cidadanía á realidade dos portos galegos.
Fillos do Mar forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia para impulsar experiencias que conectan o territorio, a cultura mariñeira e a actividade pesqueira.
Comentarios recientes