Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración coa Consellería do Mar e co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), puxeron en marcha o pasado mes de decembro o proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, unha iniciativa bianual deseñada para garantir o relevo xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego e fortalecer a conexión entre formación, emprego e territorio.
O proxecto busca promover o coñecemento e a consolidación da Formación Profesional Dual Marítimo-Pesqueira como unha vía eficaz para atraer mocidade ao sector, mellorar a empregabilidade, reforzar a sustentabilidade do modelo produtivo e visibilizar as oportunidades laborais reais que ofrece o mar en Galicia.
“Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” aspira a converterse nunha ferramenta transformadora que conecte a mocidade coa realidade do sector, rompendo estereotipos e mostrando que o mar continúa sendo un ámbito profesional solvente, tecnificado, innovador e con forte impacto territorial. A iniciativa promove tamén a implicación activa dos armadores como axentes formadores na FP Dual, reforzando o vínculo entre o tecido produtivo e o sistema educativo e contribuíndo a construír un modelo estable que dea continuidade á actividade pesqueira nas comunidades costeiras.
O proxecto conta ademais coa colaboración do grupo vasco Itsas Garapen Elkartea, fortalecendo así o intercambio de experiencias e boas prácticas entre territorios costeiros.
Comezo das actividades cos centros educativos de secundaria
Tras o acto de presentación e as primeiras semanas de coordinación coas entidades do sector e do ámbito educativo, xa deron comezo as actividades nos centros de ensino secundario, dirixidas ao alumnado de 4º da E.S.O.
As primeiras sesións desenvolvéronse no IES Mosteirón, en Sada e finalizando esta primeira quenda de sesións o 16 de marzo no IES Isaac Díaz Pardo, tamén en Sada.
Estas actividades teñen como obxectivo achegar ao alumnado un coñecemento directo do sector pesqueiro e das súas posibilidades de futuro, a través dunha metodoloxía dinámica, participativa e práctica, onde aprender facendo é o fío condutor.
O programa inclúe tamén visitas a entidades vinculadas ao sector, que permitirán coñecer de primeira man a realidade profesional a través do contacto con persoas que desenvolven a súa actividade no mar. Ademais, o alumnado terá a oportunidade de realizar embarques reais para descubrir o día a día da actividade pesqueira, así como participar nunha estancia con pernocta na illa de Ons, onde poderán coñecer un espazo natural protexido e a súa xestión para a conservación.
Todas estas actuacións desenvolveranse ao longo do curso académico, consolidando un proxecto que aposta polo futuro do mar a través da formación e do compromiso coa mocidade.
Comentarios recientes