Durante o mes de xuño, os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia participaron en diferentes espazos europeos e estatais nos que se puxo en valor o seu papel fundamental no desenvolvemento sostible das zonas costeiras e na implementación do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) como ferramenta clave da economía azul.
No ámbito europeo, en representación dos oito GALP galegos, o GALP Ría de Pontevedra participou no seminario CLLD Seminar: Innovation and Cooperation, celebrado en Pärnu (Estonia) e organizado por FAMENET. Este encontro reuniu entidades de comunidades costeiras de toda Europa co obxectivo de intercambiar experiencias e boas prácticas en materia de cooperación e innovación aplicada ao sector pesqueiro.
Neste contexto presentouse o proxecto de cooperación “Mar e Rías: Pesca & Turismo”, impulsado polos GALP galegos, como exemplo de colaboración territorial a nivel nacional. A iniciativa destaca pola súa contribución á diversificación económica do sector a través do turismo mariñeiro e da posta en valor do patrimonio pesqueiro, reforzando os vínculos entre actividade pesqueira, territorio e sociedade.
Ao longo das sesións abordáronse cuestións estratéxicas para o futuro das comunidades costeiras, como a modernización das infraestruturas pesqueiras, a innovación no sector, a valorización dos produtos do mar e a preservación do patrimonio cultural mariñeiro, consolidando a cooperación europea como unha ferramenta esencial para o intercambio de coñecemento e a mellora das estratexias de desenvolvemento local.
No ámbito estatal, os GALP participaron na IV Sesión do Comité de Seguimento do FEMPA, onde se destacou o seu papel como axentes clave na execución das políticas europeas de pesca e no fortalecemento das comunidades costeiras. Púxose en valor a súa capacidade para impulsar proxectos innovadores, favorecer a creación de emprego, promover a incorporación das mulleres ao sector, apoiar a remuda xeracional e dinamizar o emprendemento ligado á economía azul.
España consolídase como o primeiro país perceptor do FEMPA, cunha asignación de 1.120 millóns de euros para o período 2021-2027. Sumando a cofinanciación nacional, o investimento público total ascende a 1.574 millóns de euros. Ata o momento, xa se convocaron 877 millóns, están comprometidos 717 millóns en máis de 17.000 expedientes e executáronse máis de 470 millóns, o que supón un 30,9 % do plan financeiro.
Estes datos reflicten a dimensión do programa e o seu impacto real no territorio, onde os GALP actúan como ponte entre a administración, o sector pesqueiro e a cidadanía, garantindo que os fondos europeos se traduzan en proxectos concretos con retorno directo nas comunidades costeiras.
Neste mesmo período, unha delegación dos GALP de España, con presenza dos GALP galegos, desprazouse a Madrid para defender no Congreso e no Senado a continuidade do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no próximo marco financeiro europeo 2028-2034.
Durante esta visita mantivéronse encontros con diferentes grupos parlamentarios para trasladar unha posición común do conxunto dos GALP e poñer en valor a necesidade de reforzar este instrumento específico para o sector pesqueiro. Os GALP, presentes en 44 zonas costeiras do Estado e integrando máis de 1.200 entidades, impulsaron no período FEMP 2014-2020 un total de 2.645 proxectos cun investimento de 170 millóns de euros e unha execución do 96 %, a máis alta entre todas as liñas do programa en España.
Os GALP reafirman así o seu compromiso coa defensa do litoral, coa cohesión territorial e co futuro das comunidades pesqueiras, destacando a importancia dun modelo de desenvolvemento propio que siga xerando valor no territorio.
Comentarios recientes