Como conseguir que as novas xeracións vexan no mar unha oportunidade profesional e garantir a continuidade das actividades marítimo-pesqueiras? Esta foi unha das cuestións que guiou a visita de estudo ao País Vasco na que participou o GALP Golfo Ártabro Sur entre os días 28 de setembro e 2 de outubro, no marco do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”.

A viaxe reuniu máis de vinte persoas entre representantes dos oito GALP galegos, entre os que se atopaban o presidente Alberto Castro e o xerente Federico López, profesionais e persoas vinculadas directamente ao sector pesqueiro. A actividade desenvolveuse en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea, que exerceu como entidade anfitrioa e facilitou o coñecemento de diferentes iniciativas desenvolvidas en Euskadi arredor da formación, a innovación, a actividade pesqueira e a incorporación de novas xeracións ao sector.

Ao longo de cinco días, a delegación galega puido coñecer experiencias moi diversas. A programación comezou en Kofradia Basque Seafood, nas súas instalacións de Berriatua, e na Escola de Pesca de Ondarroa, para continuar cunha visita á Lonxa de Ondarroa e coñecer a estratexia de relevo xeracional que se está a desenvolver neste territorio.

A formación e a innovación ocuparon tamén un lugar destacado na visita. En AZTI, as persoas participantes coñeceron iniciativas relacionadas coa investigación e co futuro do sector, mentres que a visita a Albaola permitiu achegarse a outras formas de preservar e transmitir o coñecemento vinculado á cultura marítima.

A viaxe incluíu igualmente experiencias directamente relacionadas coa actividade pesqueira, como a iniciativa “Arrantza ikustera goaz” (“Vamos ver pescar”), desenvolvida por OPEGUI en colaboración coa Kofradia-Isturiz. O programa completouse cunha visita ao Itsas Museo de Donosti e ao seu espazo dedicado á pesca de baixura, onde tamén se puido coñecer o uso de ferramentas como a realidade virtual para achegar a sociedade á realidade do sector pesqueiro.

A diversidade das experiencias permitiu abordar o relevo xeracional desde diferentes perspectivas: a formación das novas persoas profesionais, a conexión entre centros educativos e empresas, a innovación e a investigación, a modernización do sector, a transmisión do coñecemento e a divulgación da actividade pesqueira.

Para os GALP galegos, coñecer estas iniciativas supón unha oportunidade para identificar fórmulas que poidan ser adaptadas ás características e necesidades dos territorios galegos. A visita permitiu tamén compartir experiencias e analizar como diferentes axentes do sector poden colaborar para facer máis visibles as profesións do mar e facilitar o acceso das novas xeracións a elas.

A visita ao País Vasco forma parte das actuacións do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, impulsado conxuntamente polos oito GALP de Galicia en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea. A iniciativa sitúa a Formación Profesional Dual, as experiencias prácticas e o contacto directo da mocidade coa actividade marítimo-pesqueira como ferramentas para favorecer o relevo xeracional e mellorar o coñecemento das oportunidades profesionais que ofrece o sector.

Esta viaxe dá continuidade ás diferentes accións desenvolvidas durante 2026, entre as que se inclúen sesións en centros educativos, visitas a instalacións marítimo-pesqueiras e embarques formativos. No territorio do GALP Golfo Ártabro Sur, o proxecto xa permitiu que alumnado de Sada vivise de primeira man unha xornada de traballo a bordo dunha embarcación pesqueira.

As actividades continuarán nos próximos meses con novas accións destinadas a achegar o sector marítimo-pesqueiro á mocidade e a mostrar que detrás das profesións do mar existen diferentes itinerarios formativos e oportunidades laborais. Entre elas estará a participación do proxecto en EDUGAL, a Feira Educativa de Pontevedra, que se celebrará do 21 ao 23 de outubro.