Unha representación dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) de España desprazouse a Bruxelas para manter diversas reunións institucionais con eurodeputados españois e representantes de institucións europeas. O obxectivo principal foi trasladar a importancia de manter e reforzar o Desenvolvemento Local Participativo (DLP) nas zonas pesqueiras dentro do futuro marco financeiro europeo.

A delegación estivo formada por representantes técnicos e institucionais de distintos GALP do litoral español, reflectindo a diversidade territorial das comunidades costeiras vinculadas ao sector pesqueiro e á economía azul. No caso de Galicia, a representación foi asumida finalmente polo presidente do GALP Ría de Arousa e patrón maior da Confraría de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias Romero, acompañado pola xerente do GALP Ría de Pontevedra.

Durante a visita, mantivéronse encontros con eurodeputados de diferentes grupos políticos, entre eles representantes do Partido Popular, do Grupo Socialista e do BNG, así como con equipos parlamentarios doutras formacións con presenza no Parlamento Europeo. Entre as reunións máis destacadas figura a mantida con Carmen Crespo, eurodeputada do Partido Popular e presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Ademais, a delegación reuniuse con representantes españois no Comité Económico e Social Europeo, onde se abordaron cuestións relacionadas co desenvolvemento territorial, a economía azul e o papel das comunidades costeiras nas políticas europeas.

Un dos momentos centrais da visita foi o encontro coa Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE), no que participou a súa directora xeral, Charlina Vitcheva. Nesta reunión, os GALP puxeron en valor o seu papel como instrumento de proximidade que conecta as políticas europeas coa realidade social e económica das comunidades costeiras.

Os representantes destacaron a contribución dos GALP ao impulso da economía azul a través de proxectos de diversificación económica, innovación e sostibilidade nos territorios litorais. En España, estes grupos están presentes en 44 zonas costeiras e integran máis de 1.200 entidades públicas, pesqueiras, empresariais e sociais. Durante o período 2014-2020, promoveron 2.645 proxectos cun investimento superior a 170 millóns de euros, acadando un nivel de execución próximo ao 96 %, o que evidencia a eficacia deste modelo para xerar emprego e oportunidades.

No contexto das negociacións do novo marco financeiro europeo 2028-2034, os GALP trasladaron ás institucións comunitarias a necesidade de garantir a continuidade do Desenvolvemento Local Participativo nas zonas pesqueiras, asegurar un financiamento suficiente no marco do FEMPA, preservar a especificidade do desenvolvemento costeiro, simplificar a xestión dos fondos europeos, reforzar a participación dos territorios na gobernanza e manter o estatus diferenciado das rexións ultraperiféricas.

Esta visita enmárcase no traballo institucional que os GALP españois veñen desenvolvendo nos últimos meses para defender este modelo, incluíndo a aprobación dun Manifesto en defensa do Desenvolvemento Local Participativo e a súa presentación ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comisión Europea.

Os GALP subliñan que o Desenvolvemento Local Participativo demostrou ser unha ferramenta eficaz para achegar Europa ao territorio, fortalecer o sector pesqueiro e contribuír á cohesión social das comunidades costeiras.