A finais do século XIX, a chegada dun novo aparello de pesca abriu unha batalla no mar galego. Era a traíña, unha rede de cerco capaz de capturar grandes cantidades de sardiña nunha soa largada. Para uns representaba o futuro da pesca e da industria; para outros, unha ameaza directa á súa forma de vida.

O conflito, coñecido como a “Guerra das Traíñas”, intensificouse a partir de 1897 e chegou ao seu momento máis tenso arredor de 1900. Enfrontaba aos partidarios das novas artes cos mariñeiros que pescaban ao xeito, unha modalidade tradicional baseada nunha rede de enmalle. Detrás da discusión sobre os aparellos había moito máis: estaba en xogo quen podía pescar, onde, canto peixe podía capturarse e, en definitiva, como se repartía a riqueza que saía do mar.

A cuestión chegou tamén ao Golfo Ártabro. A documentación da época sitúa traíñas en portos como Sada, e os problemas derivados da convivencia entre distintas artes de pesca aparecen recollidos en documentos de principios do século XIX e posteriores. En 1900, a polémica alcanzou tal dimensión que una Real Orden recolleu expresamente a petición das asociacións de mariñeiros de Galicia para que non se autorizase a matrícula de traíñas “en ningún puerto del litoral comprendido entre el Cabo Finisterre y el río Miño, ni en la ría de Sada”.

A preocupación non era só económica. Os defensores do xeito denunciaban que as novas artes permitían capturas moito maiores e podían poñer en perigo os recursos dos que dependían miles de familias. Os partidarios das traíñas, pola súa banda, defendían unha pesca máis produtiva e vinculada a unha industria que estaba medrando con forza: fábricas de salgadura, conserveiras, comercio e exportación. A sardiña xa non era únicamente alimento: convertérase no centro dunha cadea económica cada vez máis ampla.

En Sada, a relación entre pesca e transformación da sardiña viña de moito antes. Xa desde o século XVIII existían fábricas de salgadura e a actividade dos fomentadores cataláns contribuíra á expansión comercial da pesca. As traíñas formaban parte tamén daquela economía: documentos da época recollen contratos entre empresarios e mariñeiros sadenses para realizar a “costera de la sardina” con estes aparellos.

A chamada guerra non foi, polo tanto, simplemente unha disputa entre unha rede antiga e outra moderna. Foi o reflexo dun momento no que o mundo pesqueiro galego estaba a cambiar profundamente. A pesca comezaba a estar cada vez máis ligada á industria e aos mercados, mentres os mariñeiros defendían un recurso do que dependían directamente as súas familias e comunidades.

Durante anos, as autoridades intentaron atopar un punto de equilibrio. En 1900 chegaron a suspender cautelarmente novas matrículas de traíñas en boa parte do litoral, incluído o distrito de Sada. Poucos meses despois, outra disposición permitía o seu emprego fóra das puntas das rías e reservaba o interior para as artes menores. O conflito, con todo, non desapareceu.

A “Guerra das Traíñas” acabaría prolongándose durante anos e transformaría para sempre a pesca da sardiña en Galicia. A expansión das novas artes favoreceu o crecemento da industria conserveira, pero tamén marcou o declive progresivo do xeito como principal sistema de pesca da sardiña.

Hoxe, cando falamos da pesca, da protección dos recursos ou da necesidade de garantir o futuro das comunidades mariñeiras, pode resultar sorprendente comprobar que moitos destes debates teñen máis dun século. Naquela altura, como agora, detrás das decisións sobre o mar había unha pregunta fundamental: como aproveitar unha riqueza que é colectiva sen poñer en risco o medio de vida de quen depende dela?