En outubro, o GALP Golfo Ártabro Sur recibiu a visita do GALP Ibiza-Formentera nunha xornada de intercambio para coñecer iniciativas vinculadas ao patrimonio marítimo, á actividade pesqueira e á comercialización dos produtos do mar no territorio.
O percorrido comezou no pantalán de Sada, onde a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros amosou o seu traballo a prol da conservación e difusión do patrimonio marítimo. A visita permitiu coñecer as embarcacións tradicionais da asociación e observar tamén os barcos de artes menores que desenvolven a súa actividade no porto.
A seguinte parada foi a Lonxa de Sada. Alí, Alberto Castro, presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, e Manuel Suárez, secretario do GALP, explicaron o funcionamento destas instalacións e achegaron os visitantes á realidade pesqueira do porto sadense.
A xornada continuou na Lonxa da Coruña, onde Juan Carlos Currás presentou a actividade e o funcionamento da instalación. O encontro contou tamén coa participación de Francisco López, de Francisco López S.L., e Eduardo Pena, de Pescados Eduardo Pena S.L., que compartiron a súa experiencia no ámbito da comercialización pesqueira.
A visita prolongouse á mañá seguinte cun regreso á Lonxa da Coruña para asistir ás subastas e observar o movemento da lonxa en plena actividade. Unha oportunidade para coñecer de primeira man o percorrido dos produtos pesqueiros no mercado e o traballo que hai detrás da súa comercialización.
O encontro permitiu contrastar experiencias entre dous territorios insulares e costeiros, coñecer diferentes formas de traballar arredor do mar e compartir iniciativas vinculadas ao sector. Un intercambio que contribúe a estreitar relacións entre os GALP e a xerar novas oportunidades de aprendizaxe e cooperación entre comunidades pesqueiras.
Comentarios recientes