O pasado 16 de xuño tivo lugar a III Xornada Online organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur, baixo o título “Avanzando: Proxectos de enerxías renovables e descarbonización no sector pesqueiro”, unha cita que reuniu a profesionais e entidades de todo o territorio nacional comprometidas coa transformación sostible da actividade pesqueira.

Durante máis de tres horas, participantes de diferentes territorios compartiron experiencias, retos e avances arredor da mellora da eficiencia enerxética, a introdución de fontes renovables e a descarbonización do sector do mar. A sesión, que se desenvolveu de maneira online, comezou cunha apertura institucional a cargo de referentes do ámbito pesqueiro e da sostibilidade a nivel autonómico, estatal e europeo, como Alberto Castro, presidente do GALP Golfo Ártabro Sur; Pernille Skov Jesen, en representación de FAMENET; Manuel Pablos, vicepresidente da Rede Española de Grupos de Pesca; e Pedro Riveiro, subdirector xeral de Pesca da Xunta de Galicia.

Unha das claves da xornada foi o enfoque práctico, cada intervención puxo o foco en proxectos reais xa implantados no territorio. Falouse de confrarías autosuficientes que combinan solar e eólica, de investimentos en eficiencia a bordo, de iniciativas de concienciación e clasificación enerxética, de desalinizadoras para o mantemento da frota e de solucións fotocatalíticas innovadoras. Proxectos procedentes de Asturias, Almería-Levante, Cataluña, Valencia, Murcia ou Galicia.

O GALP Golfo Ártabro Sur tamén presentou o proxecto desenvolvido coa Confraría de Pescadores de Sada, centrado na mellora da eficiencia e na redución de emisións na súa actividade diaria. Un proxecto que representa con claridade o espírito desta xornada, avanzar con decisión cara a un sector máis limpo, moderno e comprometido co futuro.

A xornada pechouse cun agradecemento expreso a todas as persoas e entidades participantes, coa voz do xerente do GALP Golfo Ártabro Sur, Federico López, que puxo en valor a colaboración entre grupos e o intercambio de coñecementos como ferramentas clave para impulsar o cambio.

“Foi unha xornada enriquecedora e necesaria. Grazas a todas e todos por contribuír ao avance dun sector pesqueiro máis eficiente, innovador e responsable co medio ambiente. Seguimos traballando por un mar con futuro e vémonos na próxima edición” Federico López, Xerente do GALP Golfo Ártabro Sur