O alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada participou o pasado 29 de setembro nunha nova actividade do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, promovido no territorio polo GALP Golfo Ártabro Sur. A xornada combinou unha sesión informativa cunha visita ao porto da Coruña para achegar á mocidade ás diferentes profesións, actividades e oportunidades que existen arredor do sector marítimo-pesqueiro.

A actividade comezou cunha sesión impartida pola técnica do GALP Golfo Ártabro Sur, Amparo Dopico, na que se presentaron diferentes saídas profesionais e empresariais vinculadas ao mar. Ademais das ocupacións tradicionalmente asociadas á pesca, o alumnado puido coñecer outras posibilidades relacionadas coa transformación e comercialización dos produtos pesqueiros, a actividade portuaria, a náutica, a investigación, a innovación ou o desenvolvemento de novos proxectos.

A intención foi ampliar a visión que a mocidade ten do sector e mostrar a diversidade de oportunidades que se xeran arredor do mar. Coñecer estas posibilidades desde os centros educativos pode contribuír a que o alumnado identifique novos itinerarios formativos e profesionais que, en moitos casos, non forman parte do seu imaxinario habitual.

Tras a sesión, a actividade trasladouse ao porto da Coruña. O percorrido polo porto interior e exterior permitiu coñecer directamente diferentes espazos e actividades vinculadas ao mar e observar como nun mesmo territorio conviven realidades profesionais moi diversas.

Esta combinación de información e experiencia directa forma parte da metodoloxía de “Relevo Xeracional”, que busca achegar o sector aos centros educativos e facilitar que o alumnado poida coñecelo desde dentro. O contacto cos espazos de traballo e coas actividades que se desenvolven no territorio permite complementar os contidos explicados na aula cunha visión máis próxima da realidade profesional.

A actividade dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses co alumnado do IES Isaac Díaz Pardo, que tamén participou noutras experiencias prácticas vinculadas ao proxecto para coñecer diferentes realidades profesionais relacionadas co mar.

“Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” é un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP galegos e que traballa para achegar a mocidade ás profesións do mar, dar a coñecer os diferentes itinerarios formativos e oportunidades laborais e favorecer a continuidade das actividades marítimo-pesqueiras. Para iso, o proxecto combina actividades nos centros educativos, visitas, experiencias prácticas e o contacto directo con profesionais e empresas do sector.