Entre as historias máis coñecidas da tradición oral do Golfo Ártabro atópase a lenda dos tres grandes ríos da comarca, Eume, Xuvia e Mandeo, irmáns de auga que, segundo conta a memoria popular, decidiron poñerse a proba nunha carreira cara ao mar. O primeiro en chegar podería pedir un desexo, e así acordaron partir ao amencer.
Mais o pacto non durou moito. O Xuvia, decidido a converterse no río máis longo, espertou ás cinco da mañá e iniciou o seu camiño antes de tempo, confiando en que a trampa pasaría inadvertida. O Mandeo, que aspiraba a ser o máis caudaloso, partiu ás seis, constante e seguro da súa forza. O Eume, pola contra, durmiu de máis. Cando se decatou da artimaña dos seus irmáns, lanzouse furioso pola paisaxe, avanzando cunha bravura que deixaba atrás cantas fragas, pontes e vales atopaba.
A carreira rematou co Xuvia chegando primeiro á ría, mais o seu triunfo quedou ensombrecido pola trampa. A tradición di que os espíritos da natureza, gardiáns dos ríos, non concederon o desexo a quen non xogara limpo. O Eume, malia a súa forza desbordada, tampouco obtivo o privilexio: o seu carácter impetuoso debía manterse tal e como era.
Foi o Mandeo, que nin fixo trampa nin deixou que a ira o dominase, quen acabou recibindo o favor prometido. A el correspondeulle o desexo que pedira ao comezo: ser o río máis caudaloso dos tres, un curso de auga firme, constante e esencial para a vida das terras que atravesa.
Desde entón, segundo lembra a tradición, o Mandeo, O Mandeo, que circunda Bergondo antes de atoparse co Atlántico conserva ese carácter sereno e poderoso, a memoria deste relato antigo. A lenda, transmitida de xeración en xeración, segue a reforzar a importancia das augas que moldean o territorio e da cultura popular que axuda a comprender a identidade das comunidades costeiras do Golfo Ártabro.
Comentarios recientes