Este 17 de maio celebramos un Día das Letras Galegas moi especial. A Real Academia Galega rende homenaxe, por vez primeira, a unha figura colectiva e anónima: as Cantareiras, mulleres que foron, e seguen sendo, a voz da tradición oral, da memoria colectiva e do pobo galego.

Estas mulleres coas súas coplas, cantadas en feiras, romarías, na súa vida cotiá ou mentres traballaban, transmitiron xeración tras xeración a lingua galega, as historias locais, os sentimentos comúns e a sabedoría popular. Fixérono sen pretensión de protagonismo, desde a humildade, pero cunha forza que mantivo viva a identidade cultural galega, facendo da súa voz un acto de amor á terra, dando recoñecemento a saberes que non caben nos libros pero viven na lembranza. 

Dende o GALP Golfo Ártabro Sur, queremos poñer o foco nunha parte fundamental da idiosincrasia do noso territorio, as cantareiras vencelladas ao mar. Nas vilas costeiras, foron mulleres que, mentres mariscaban, arranxaban redes, ou esperaban o regreso das embarcacións, cantaba á vida cotiá e ao mar. As súas voces encheron portos e praias de melodías que falan de saudade, loita, esperanza e comunidade, e o seu amor polo mar como forma de vida. Estas cantigas mariñeiras foron e son algo máis ca música: son crónica e patrimonio vivo. A súa transmisión oral mantivo viva a lingua e a cultura galegas nos espazos máis humildes, e ao mesmo tempo máis auténticos, do noso territorio. 

Ao poñer o foco nas Cantareiras, a Real Academia Galega recoñece o papel esencial destas mulleres na preservación do galego e na construción da memoria popular. As súas voces, anónimas pero colectivas, representan un patrimonio vivo que nos lembra quen somos e de onde vimos.

Este Día das Letras Galegas é unha oportunidade para agradecer o papel que xogaron estas mulleres na construcción da identidade galega e celebrar a esas voces que nos fixeron ser o que hoxe somos.