O GALP Golfo Ártabro Sur consolídase como referente na dinamización do litoral galego, tras acadar o maior número de proxectos aprobados en toda Galicia na última convocatoria de axudas: un total de 33 iniciativas respaldadas, cun importe concedido que supera os 1,5 millóns de euros e un investimento global superior aos 2 millóns.

Este resultado posiciona ao GALP como motor económico e social do territorio, ao impulsar proxectos que combinan tradición mariñeira con sostibilidade, valorización dos recursos locais e creación de emprego. As empresas vinculadas ao mar foron protagonistas nesta edición, xunto coas confrarías da zona, xa que o 100% das entidades que presentaron proxectos resultaron beneficiarias. Esta elevada participación reflicte a capacidade do sector para adaptarse aos novos retos, apostando por un modelo pesqueiro máis forte e resiliente.

“O éxito desta convocatoria non é só unha boa noticia para o noso territorio: é un exemplo de como o mar continúa a ser unha fonte de riqueza e identidade cando hai colaboración e compromiso co desenvolvemento sostible”, destacou o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur.

No GALP xa estamos a preparar a seguinte convocatoria de axudas, lembrando que contamos con fondos dispoñibles para apoiar proxectos en todas as liñas de actuación. Por iso, animamos a entidades, empresas e colectivos do Golfo Ártabro Sur a aproveitar esta oportunidade para converter ideas en realidade e contribuír ao futuro das comunidades costeiras.

Somos unha entidade sen ánimo de lucro que xestiona fondos europeos e autonómicos para apoiar proxectos vinculados ao mar. O noso obxectivo é construír un futuro sostible para o litoral, promovendo a economía azul, a cultura mariñeira e o respecto polo medio ambiente.