A Confraría de Pescadores de Lorbé levou a cabo o proxecto “Mellora da eficiencia enerxética do silo de xeo e do illamento das cámaras de frío”, unha actuación apoiada polo GALP Golfo Ártabro Sur que permitiu optimizar os sistemas de produción e almacenamento de xeo e mellorar o illamento das instalacións frigoríficas.
O proxecto incluíu a instalación dun fabricador industrial de xeo en escama, cunha capacidade de produción de ata 2.500 quilos diarios, acompañado dun silo orbital para o seu almacenamento e do correspondente equipo frigorífico. Ademais, incorporouse un novo sistema de illamento nas cámaras de frío para reducir as perdas térmicas e mellorar o rendemento das instalacións.
Un dos principais obxectivos da actuación foi reducir o consumo enerxético asociado á produción e conservación do xeo, así como mellorar a súa calidade e durabilidade. A mellora do illamento permitiu reducir o tempo de funcionamento dos equipos frigoríficos, evitar fugas de frío e diminuír as perdas derivadas dunha conservación inadecuada.
O novo sistema contribuíu tamén a optimizar a dispoñibilidade de xeo e a garantir o mantemento da cadea de frío, aspectos fundamentais para a conservación dos produtos pesqueiros e o desenvolvemento da actividade diaria no porto.
Con este proxecto, o GALP Golfo Ártabro Sur apoiou a mellora das infraestruturas vinculadas á actividade pesqueira en Lorbé, favorecendo unha xestión máis eficiente dos recursos, a redución dos custos enerxéticos e a mellora dos servizos prestados aos profesionais do sector.
Comentarios recientes