O pasado 18 de maio, a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, entidade asociada ao GALP Golfo Ártabro Sur, presentou na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada o documental «Mulleres ao son do mar».
Os patexeiros, mediante esta obra audiovisual busca dar visibilidade á participación feminina no sector pesqueiro a través dos testemuños de profesionais de diversos ámbitos: desde mariscadoras ata redeiras, pasando por pescadoras, técnicas e investigadoras.

Este testemuño filmado, forma parte das actividades do proxecto “Ecomuseo a flote”, unha iniciativa financiada polo GALP Golfo Ártabro Sur, que ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, recoñecendo tamén o papel das mulleres no desenvolvemento e sostemento das comunidades costeiras. Este proxecto está baseado nos piares fundamentais que rexe Os Patexeiros: o patrimonio marítimo galego, a cultura mariñeira e a aposta polo medio ambiente.
A estrea do documental coincidiu cunha data significativa: o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo, unha data para recoñecer o traballo, a forza e a resistencia de todas esas mulleres.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur sabemos que o mar tamén ten voz de muller. O esforzo das redeiras, mariscadoras, percebeiras, pescadoras, traballadoras das lonxas, conserveiras, peixeiras e técnicas sostén un sector vital para a nosa economía e identidade.
Sen elas, o mar non sería o mesmo.
Comentarios recientes