O Grupo Naturalista Hábitat desenvolveu durante o mes de agosto diferentes actividades destinadas a coñecer, protexer e poñer en valor os espazos naturais do Golfo Ártabro, no marco das iniciativas apoiadas polo GALP Golfo Ártabro Sur.
Entre as actuacións realizadas destaca o control de plantas exóticas invasoras na contorna do Areal de Alba, en Sabón (Arteixo). A actividade, desenvolvida coa participación do Campamento DG, permitiu actuar directamente sobre unha das principais ameazas para a biodiversidade costeira: a expansión de especies que desprazan a flora autóctona e alteran os ecosistemas naturais. Entre as especies obxecto de control atópase o Carpobrotus sp., coñecido como uña de gato, unha planta de orixe surafricana introducida inicialmente con fins ornamentais.
A intervención combinou así o traballo directo sobre o territorio coa sensibilización ambiental, achegando ás persoas participantes a problemática das especies invasoras e á importancia de conservar os hábitats naturais da contorna.
Por outra banda, o 22 de agosto tivo lugar unha ruta divulgativa sobre a biodiversidade mariña do Golfo Ártabro, unha actividade orientada a descubrir a riqueza natural que agochan estas augas. O Golfo Ártabro conta cunha gran diversidade de vida mariña, desde os organismos que habitan os fondos ata as aves e mamíferos que dependen destes ecosistemas para alimentarse.
A ruta permitiu achegarse a esta biodiversidade desde unha perspectiva divulgativa e coñecer mellor o medio mariño que forma parte do noso territorio. Deste xeito, as actividades do Grupo Naturalista Hábitat contribúen a fomentar o coñecemento e a participación cidadá na conservación do patrimonio natural do Golfo Ártabro, reforzando o vínculo entre a sociedade e os ecosistemas costeiros.
Comentarios recientes