Os Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) de Galicia poñen en marcha un novo proxecto de cooperación co obxectivo de impulsar a transformación e valorización do produto pesqueiro local, promovendo a innovación, o emprendemento e a diversificación económica nas zonas costeiras.

A iniciativa, coordinada polo GALP Golfo Ártabro Norte e na que participa o GALP Golfo Ártabro Sur xunto a outros cinco grupos do litoral galego, desenvolverase de maneira conxunta en diferentes territorios, reforzando a colaboración entre entidades e a transferencia de coñecemento.

O proxecto nace como resposta a un dos principais retos do sector: o descenso do consumo de peixe e a necesidade de xerar maior valor engadido aos produtos do mar. Neste contexto, proponse fomentar novas formas de presentación e elaboración que resulten máis atractivas para a cidadanía, especialmente para as xeracións máis novas.

Entre as principais liñas de actuación destaca a posta en marcha de viveiros formativos centrados na transformación de produtos pesqueiros. Estes espazos combinarán formación práctica, experimentación e asesoramento ao emprendemento, co obxectivo de capacitar a persoas interesadas na elaboración artesanal de conservas, salgados, afumados ou pratos preparados a base de peixe e marisco.

Ademais, o proxecto inclúe a organización de encontros sectoriais, xornadas divulgativas e actividades de colaboración con centros de formación profesional e co tecido local, favorecendo a implicación de distintos axentes do territorio, desde confrarías ata administracións públicas e sector educativo.

Outro dos eixos clave será o deseño dun modelo de espazos de traballo colaborativo orientados á transformación de produtos do mar, así como a elaboración de guías e ferramentas que faciliten a creación de iniciativas empresariais neste ámbito. O proxecto sentará tamén as bases para a futura creación dunha rede de espazos colaborativos entre os distintos territorios GALP.

Os resultados esperados inclúen o incremento do consumo de produto pesqueiro, a mellora da imaxe do sector, a creación de novas oportunidades de negocio e o impulso da remuda xeracional, contribuíndo así ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras.

Esta iniciativa enmárcase na prioridade 3 do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), centrada en promover unha economía azul sostible e reforzar o papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local.