Durante séculos, o Golfo Ártabro Sur foi escenario dunha das técnicas de pesca máis espectaculares e complexas da tradición mariñeira galega: o cerco real. Esta arte, documentada xa no século XVI, tiña como obxectivo a captura masiva de sardiñas durante a colleita anual, aproveitando a abundancia dos cardumes que se achegaban á costa.

A operación mobilizaba arredor dun cento de pescadores, que unían os seus panos rectangulares para formar unha rede xigante de máis dunha milla de lonxitude. Esta rede era transportada por un galeón e escoltada por unha ducia de embarcacións menores, nunha manobra que esixía precisión, forza e unha coordinación milimétrica.

Unha vez localizados os cardumes, a rede estendíase fronte a eles e comezaban a cercalos, rodeábanos lentamente, afundindo a rede e virando en círculos concéntricos ata levalos cara á praia. Co uso de rizóns e salabardos, as sardiñas quedaban atrapadas e eran recollidas durante varios días, nun proceso que combinaba técnica, resistencia e coñecemento profundo do mar. A compenetración entre os mariñeiros era moi importante xa, que cada un tiña un papel definido, e o éxito da operación dependía da colaboración entre todos.

Co paso dos anos, as técnicas de pesca de cerco foron evolucionando ata chegar ao cerco que se emprega hoxe en día, un arte de pesca selectiva e sostible co medio mariño.

Imaxe de portada: Ilustración do Cerco Real do diccionario Reguart