O alumnado de Infantil e Primaria da comarca do Golfo Ártabro Sur está a gozar estes días do circuíto escolar de monicreques “Peixe fresco do día”, unha proposta da Asociación Cultural Tanque de Zinc que percorre practicamente todos os centros educativos do territorio.

A iniciativa, apoiada polo GALP Ártabro Sur a través dunha subvención do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura) e da Consellería do Mar, aposta por achegar aos nenos e nenas a cultura mariñeira, a sostibilidade e a importancia dunha alimentación equilibrada que inclúa produtos do mar. A obra destaca polo seu formato lúdico e participativo, facilitando que o alumnado se implique na descuberta do patrimonio marítimo dunha maneira próxima e divertida.

A proposta consiste nunha obra de monicreques que permite ao alumnado coñecer, dun xeito lúdico e participativo, a importancia da sostibilidade, o coidado do medio mariño e os beneficios dunha dieta equilibrada que inclúa produtos do mar. A iniciativa destaca por combinar creatividade, innovación e sensibilización ambiental, reforzando o vínculo das crianzas coa súa contorna marítima.

O circuíto incluiu un total de 32 actuacións nos centros educativos do territorio do GALP Golfo Ártabro Sur. Estas sesións ofrecen unha experiencia artística de proximidade e contribúen a poñer en valor o patrimonio cultural e pesqueiro local, fomentando a participación da comunidade educativa na protección e difusión da súa riqueza mariñeira.

Reafirmamos o noso compromiso coa promoción do patrimonio mariñeiro e coa transmisión dos valores vinculados ao mar ás novas xeracións.