O Club Náutico de Sada celebrou a inauguración oficial da súa nova rampla de acceso ao mar, unha infraestrutura destinada a facilitar a práctica do remo e mellorar a accesibilidade das instalacións para persoas con mobilidade reducida. A actuación foi financiada ao abeiro das axudas do GALP Golfo Ártabro Sur dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo.

O acto contou coa presenza do presidente de Portos de Galicia, do alcalde de Sada e do presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, que acompañaron ao club nesta posta en funcionamento dunha infraestrutura moi demandada polo tecido deportivo e social do municipio.

A nova rampla supón unha importante mellora das instalacións náuticas da vila, permitindo un acceso máis cómodo e seguro ao mar e favorecendo a participación de todas as persoas na práctica das actividades náuticas. A actuación reforza especialmente o desenvolvemento do remo adaptado, contribuíndo a eliminar barreiras e a promover unha maior igualdade de oportunidades no acceso ao deporte.

Ademais do seu impacto deportivo, o proxecto representa unha aposta pola inclusión e pola integración social a través do mar, convertendo as instalacións do Club Náutico de Sada nun espazo máis accesible e aberto á cidadanía.

Durante a inauguración, o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur destacou a importancia de apoiar proxectos que contribúan á mellora das infraestruturas do territorio e que faciliten o acceso ao mar para toda a cidadanía, independentemente das súas capacidades. Neste sentido, sinalou que o GALP continuará apostando por iniciativas que favorezan a inclusión, a igualdade de oportunidades e a posta en valor do medio mariño como espazo de convivencia, deporte e desenvolvemento social.

Con esta actuación, o Club Náutico de Sada continúa avanzando na súa aposta por un deporte náutico máis accesible e participativo, ampliando as oportunidades de uso e desfrute do mar para toda a comunidade.

imaxe: Concello de Sada