O GALP Golfo Ártabro Sur vén de pechar a convocatoria de axudas deste 2026 cun resultado histórico no volume económico solicitado. En total, rexistráronse 34 proxectos do territorio que suman 2.443.051,13€, a cifra máis elevada acadada polo grupo.
Do importe global solicitado, 1.320.959,12€ corresponden a iniciativas promovidas polo sector pesqueiro, o que pon de manifesto o dinamismo e a capacidade de investimento das empresas e entidades vinculadas ao mar.
Por outra banda, 49.416,74 € destínanse a proxectos de gobernanza impulsados tamén por entidades pesqueiras, orientados ao reforzo da súa estrutura organizativa e á mellora da súa capacidade de xestión.
O resto do crédito solicitado está vinculado a proxectos do territorio orientados á diversificación económica, á protección do medioambiente e á posta en valor do patrimonio marítimo e costeiro, liñas estratéxicas fundamentais para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible e resiliente.
O incremento sostido tanto no número de proxectos como no volume das solicitudes confirma que o territorio do Golfo Ártabro Sur está en pleno crecemento. O tecido económico ligado ao mar continúa renovándose, fortalecéndose e xerando novas oportunidades, combinando tradición e innovación.
O presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro, sublíña que estes datos reflicten a confianza do sector e da sociedade nos instrumentos de apoio aos proxectos do territorio, así como o compromiso colectivo cun litoral con futuro.
O grupo continuará impulsando proxectos do territorio que fomenten un desenvolvemento sostible, integrador das zonas costeiras e xerador de emprego, consolidando o mar como eixo estratéxico do progreso económico e social da zona.
Comentarios recientes