Durante cinco días do mes de maio, a lonxa de Sada converteuse nun espazo de aprendizaxe para escolares de diferentes centros educativos grazas ao programa “Capitán Mareas”, unha iniciativa impulsada por Vegalsa-Eroski para fomentar o consumo de peixe e achegar o sector pesqueiro ás novas xeracións.

A actividade desenvolveuse nas instalacións da Confraría de Pescadores de Sada, que acolleu aos grupos participantes e colaborou activamente na organización das xornadas. A entidade mantén unha estreita colaboración coas iniciativas de promoción e divulgación do sector pesqueiro que se desenvolven no territorio, contribuíndo a achegar a realidade do mar á cidadanía e ás futuras xeracións.

Ao longo das visitas, os escolares tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dunha lonxa, descubrindo o percorrido que realiza o peixe desde a súa captura ata a súa chegada ao consumidor. Un papel fundamental nesta experiencia foi o de Manuel Suárez, secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, xerente de ACERGA e Sara Castro da Confraría de Pescadores de Sada, quenes guiaron as visitas e explicaron aos rapaces o funcionamento da lonxa, o proceso de comercialización do peixe, o sistema de poxa e o traballo diario que desenvolven os profesionais do sector pesqueiro.

O GALP Golfo Ártabro Sur participou activamente, a través da súa técnica Amparo Dopico, en todas as xornadas mediante actividades divulgativas orientadas a dar a coñecer as principais especies comercializadas nas lonxas do territorio. Para iso, facilitáronse exemplares duns vídeos e guías didácticas sobre as especies máis representativas das nosas costas, que permitiu ao alumnado identificar e coñecer mellor os recursos mariños da zona.

Unha das xornadas contou tamén coa participación de Javier Mariñas, patrón maior Confraría de Pescadores da Coruña, como entidade convidada. A través desta colaboración, os escolares puideron achegarse ao mundo do marisqueo, coñecendo as principais especies explotadas, as artes empregadas e a importancia desta actividade tradicional para a economía e a cultura mariñeira do noso litoral.

Como recordo da experiencia, cada unha das clases participantes recibiu un exemplar da Xibiña Ártabriña, a mascota divulgativa do GALP Golfo Ártabro Sur, así como o seu correspondente diploma de “Expertos en Lonxas”, recoñecendo a súa participación e os coñecementos adquiridos durante as actividades.

A través de iniciativas como “Capitán Mareas”, o GALP Golfo Ártabro Sur continúa traballando para achegar o mar á sociedade, promover o consumo de produtos pesqueiros de proximidade e contribuír á valorización dun sector fundamental para o desenvolvemento económico, social e cultural do territorio.

Este tipo de actividades permiten que as novas xeracións coñezan mellor a realidade do sector marítimo-pesqueiro, valoren o traballo das persoas que viven do mar e descubran as oportunidades profesionais vinculadas a un ámbito esencial para o futuro das nosas zonas costeiras.