O pasado 5 de febreiro, o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro, participou en Santiago de Compostela na sinatura da renovación do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, garantindo a continuidade e o reforzo do labor dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ata o ano 2029.

O acto contou coa participación da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, quen formalizaron os convenios cos distintos GALP galegos.

O acordo supón unha dotación total de 10,2 millóns de euros, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que permitirá ampliar o financiamento e fortalecer o funcionamento destas entidades ata 2029. Estes recursos resultan clave para consolidar o papel dos GALP como axentes dinamizadores do territorio, apoiando o desenvolvemento do sector pesqueiro e da economía azul nas nosas costas.

As achegas permitirán impulsar proxectos que xeren emprego, fomenten a innovación, fortalezan a cadea de valor do sector pesqueiro e reforcen a sustentabilidade das comunidades costeiras. Así mesmo, contribuirán á posta en valor do patrimonio marítimo-cultural e ao apoio directo aos profesionais e entidades vinculadas ao mar.

Con esta renovación, o GALP Golfo Ártabro Sur reafirma o seu compromiso co futuro da pesca, coa dinamización do litoral e coas persoas que fan posible que as nosas rías sigan sendo motor económico, social e cultural do territorio.