O GALP Golfo Ártabro Sur participou na presentación oficial do proxecto Relevo xeracional: o futuro do mar, celebrada na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia. Trátase dunha iniciativa de cooperación impulsada polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos, co apoio da Consellería do Mar e coordinada polo GALP Ría de Arousa, que ten como obxectivo promover a FP Dual marítimo-pesqueira e garantir o relevo xeracional no sector.

Durante o acto púxose de manifesto a importancia de fortalecer o vínculo entre a formación e o sector pesqueiro, implicando ás persoas profesionais do mar como axentes clave na formación das futuras xeracións. Nas intervencións institucionais destacouse a necesidade de asegurar a continuidade do sector, o papel dos GALP na dinamización das zonas costeiras e a importancia de reforzar unha formación práctica adaptada á realidade marítimo-pesqueira.

A xornada continuou coa presentación técnica do proxecto e con mesas de debate nas que participaron representantes do sector pesqueiro, acuícola e da FP Dual, que coincidiron en sinalar os retos actuais para atraer mocidade ao sector, a necesidade de formación práctica e as oportunidades de futuro que ofrece o mar se se traballa de forma coordinada.

O proxecto conta con material audiovisual propio, incluíndo un vídeo promocional no que están representados os oito territorios GALP e diferentes oficios do sector, así como pílulas audiovisuais destinadas á difusión da iniciativa en redes sociais, nas que profesionais do mar poñen en valor as vantaxes da súa actividade e a calidade de vida asociada ao sector.

Con representación dos oito GALP galegos, confrarías de pescadores, agrupacións de marisqueo, asociacións e cooperativas do sector, organizacións de produtores, escolas náutico-pesqueiras, concellos e entidades do ámbito social. Ademais, o acto foi retransmitido en directo, permitindo a participación de entidades doutros territorios.

O proxecto Relevo xeracional: o futuro do mar iniciará nos vindeiros meses as intervencións en centros educativos e continuará co traballo conxunto co sector pesqueiro de cara á celebración dunha xornada técnica sobre FP Dual marítimo-pesqueira prevista para 2026.