O GALP Golfo Ártabro Sur participou o pasado 12 de decembro na Xornada Técnica Pesca&Turismo, celebrada no Casino de Noia, un encontro que reuniu ao sector pesqueiro galego, representantes das administracións públicas e entidades vinculadas ao ámbito marítimo-pesqueiro para avanzar cara a un modelo común de turismo mariñeiro en Galicia.
A xornada enmárcase no proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca&Turismo, promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, do que forma parte o GALP Golfo Ártabro Sur. O encontro tivo como obxectivo reforzar a coordinación e o diálogo entre os distintos axentes implicados no desenvolvemento da pesca turismo e do turismo mariñeiro como ferramentas de diversificación económica nas vilas costeiras.
Durante a xornada abordáronse cuestións clave para o impulso destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas e de seguridade, os modelos de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados e o papel da cooperación entre profesionais do mar, confrarías, administracións e GALP.
As diferentes intervencións permitiron analizar a situación actual do turismo mariñeiro en Galicia, así como coñecer as posibilidades de financiamento e apoio que ofrecen os GALP para a posta en marcha de novas iniciativas no territorio.
A sesión completouse coa presentación de experiencias de pesca turismo e turismo mariñeiro xa en funcionamento na costa galega, que serviron para compartir coñecemento práctico, identificar boas prácticas e poñer en valor o potencial deste tipo de actividades como complemento á actividade pesqueira tradicional.
O proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo ten como finalidade promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas oportunidades vinculadas ao turismo mariñeiro ao longo da costa galega, dando continuidade ao traballo iniciado con proxectos cooperativos anteriores que xa demostraron a súa capacidade para xerar valor no sector.
Comentarios recientes