O GALP Golfo Ártabro Sur vén de finalizar con éxito o Curso de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, celebrado do 2 ao 6 de febreiro na súa sede de Sada, no marco do proxecto de cooperación cos oito GALP galegos “Mar e Rías: Pesca & Turismo”.
Esta acción formativa, de carácter gratuíto, estivo dirixida a profesionais do sector pesqueiro, mariñeiros e mariñeiras, mariscadoras/es e redeiras/os, interesados en explorar novas vías de diversificación e complementar a súa actividade tradicional no mar a través do turismo mariñeiro e o pescaturismo.
Ao longo de cinco xornadas intensivas, as persoas participantes recibiron formación práctica e adaptada á realidade do sector, abordando cuestións clave para a posta en marcha de iniciativas emprendedoras: deseño de experiencias, viabilidade económica, marco normativo, comercialización e promoción. O curso combinou contidos útiles tanto para quen nunca emprendera como para aquelas persoas con inquedanzas ou proxectos xa iniciados.
Ademais, a formación incluíu acompañamento personalizado, ofrecendo orientación nos primeiros pasos para transformar o coñecemento e a experiencia no mar en proxectos sólidos, sostibles e coherentes co territorio.
O curso desenvolveuse na sede do GALP, situada na Avenida do Porto 21, baixo (Casa do Mar), en Sada, en modalidade presencial e tamén en liña, facilitando así a participación de profesionais de diferentes puntos do ámbito territorial.
Con esta iniciativa, o GALP Golfo Ártabro Sur reafirma o seu compromiso coa diversificación económica do sector pesqueiro, promovendo o turismo mariñeiro e o pescaturismo como oportunidades reais para xerar valor engadido, dinamizar o litoral e fortalecer a conexión entre o mar e a sociedade.
Comentarios recientes