A nova convocatoria de axudas para proxectos incluídos nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo está prevista para a súa apertura a mediados do mes de xaneiro.
Estas axudas permitirán apoiar iniciativas orientadas á creación, diversificación e ampliación de empresas, así como a proxectos promovidos por entidades locais, asociacións e persoas emprendedoras que contribúan ao desenvolvemento económico, social e sostible do territorio vinculado ao sector marítimo-pesqueiro.
Dende o GALP Golfo Ártabro Sur animamos ás persoas e entidades interesadas a contactar co equipo técnico con antelación para comezar a definir e preparar os seus proxectos, resolver dúbidas e analizar a súa adecuación aos obxectivos da estratexia do GALP. A planificación previa resulta clave para presentar propostas sólidas e con maior impacto no territorio.
A nova convocatoria suporá unha oportunidade para transformar ideas en proxectos reais capaces de xerar emprego, valor engadido e dinamización económica nas comunidades costeiras do Golfo Ártabro Sur, reforzando a actividade vinculada ao mar e favorecendo a diversificación económica.
Os proxectos deberán desenvolverse no ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Sur, que abrangue os concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. A sede fiscal das entidades solicitantes poderá estar situada noutro concello galego, sempre que o proxecto se execute neste territorio.
O equipo técnico do GALP Golfo Ártabro Sur ofrece acompañamento personalizado durante todo o proceso, facilitando información práctica sobre os requisitos da convocatoria, os criterios de valoración e a tramitación das solicitudes.
As persoas interesadas poden poñerse en contacto co GALP Golfo Ártabro Sur a través dos seguintes datos:
Avenida do Porto 21, baixo (Casa do Mar), 15160 Sada, A Coruña
Teléfono: 881 896 417
Correo electrónico: galpgolfoartabrosur@gmail.com
Comentarios recientes