O GALP Golfo Ártabro Sur participa no proxecto de cooperación Pesca Saúde: consumo de produto pesqueiro e alimentación saudable, unha iniciativa promovida polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMPA) que busca promover o consumo de produtos do mar polos seus beneficios para a saúde e o benestar da poboación.
O proxecto Pon o foco na importancia dunha alimentación equilibrada a través do consumo de produto pesqueiro, sensibilizando á cidadanía sobre as súas propiedades nutricionais e animando a incorporalo á dieta habitual. Para acadar estes obxectivos, desenvolvéronse diversas accións de promoción e divulgación adaptadas aos distintos públicos.
Entre as actividades previstas destacan obradoiros de batchcooking en cada territorio GALP para aprender a organizar e preparar comidas saudables baseadas en produtos do mar, xornadas nos centros de saúde con profesionais sanitarios que expoñen os beneficios do consumo pesqueiro e campañas de promoción que inclúen unha FoodBike nos centros de saúde e presenza en eventos deportivos con FoodTruck para divulgar os efectos positivos destes alimentos na práctica deportiva.
Ademais, o proxecto contempla accións de demostración de cociña en vivo nos mercados e prazas de abastos dos distintos GALP, promoción de menús saudables con produtos do mar en restaurantes locais e iniciativas de apoio ao sector da restauración para consolidar unha oferta gastronómica saudable basada nos recursos pesqueiros do territorio.
Pesca Saúde tamén alía a alimentación saudable co medio ambiente e a economía circular, incorporando iniciativas como a confección de bolsas promocionais deseñadas con redes de pesca reutilizadas e residuos plásticos, coa participación de profesionais do sector e entidades de inclusión.
O proxecto pretende mellorar a calidade de vida e o benestar da poboación a través do consumo de produtos do mar, promover un maior coñecemento das especies pesqueiras locais e implicar aos profesionais da restauración como axentes relevantes na súa difusión.
Comentarios recientes