O GALP Golfo Ártabro Sur continúa achegando ao territorio iniciativas que conectan o sector pesqueiro coa saúde e o benestar da cidadanía. Neste marco, os días 21 e 22 de setembro celebrouse en Sada un novo obradoiro de batchcooking de Pesca Saúde, unha actividade práctica para aprender a planificar menús semanais saudables incorporando produtos do mar de proximidade.
A proposta permitiu afondar en formas sinxelas de introducir o peixe na alimentación diaria, combinando coñecementos culinarios e nutricionais con recomendacións para organizar mellor o tempo na cociña, conservar os alimentos e reducir o desperdicio.
O cociñeiro Lolo Mosteiro, do restaurante A Artesa da Moza Crecha, e a nutricionista Valeria Freijedo, de Arela Saúde, encargáronse de conducir as sesións. As persoas participantes aprenderon técnicas de cociñado e aproveitamento dos produtos pesqueiros, así como a preparar elaboracións básicas que se poden combinar para crear pratos variados ao longo da semana.
A actividade contou coa participación da Confraría de Pescadores de Sada, que achegou información sobre os métodos de extracción, as especies mariñas da contorna e a importancia de consumir produto local. Deste xeito, o obradoiro permitiu vincular os hábitos alimentarios coa actividade dos profesionais do mar e co valor dos recursos pesqueiros do territorio.
As persoas asistentes recibiron un receitario, unha guía de consellos e información nutricional para continuar aplicando o aprendido na casa. Tamén se entregou unha bolsa da compra elaborada pola Asociación de Redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo, a partir de redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados, incorporando así a sustentabilidade á experiencia.
A participación do GALP Golfo Ártabro Sur en Pesca Saúde permite trasladar ao ámbito cotián os valores e as posibilidades do sector pesqueiro local. A través deste tipo de actividades, o GALP contribúe a promover o consumo de produtos do mar, dar visibilidade ao traballo das persoas profesionais da pesca e achegar os recursos mariños á cidadanía desde unha perspectiva práctica e saudable.
Esta liña de traballo tamén reforza a relación entre o sector pesqueiro e outros ámbitos, como a nutrición, a prevención en saúde e a educación alimentaria, abrindo novas vías para valorizar os produtos locais e fomentar o seu consumo.
Pesca Saúde é un proxecto no que participan sete GALP galegos: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar e coa colaboración da Consellería de Sanidade.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur, esta iniciativa forma parte do traballo de dinamización do territorio e de apoio ao sector marítimo-pesqueiro, promovendo accións que achegan o produto do mar á sociedade e contribúen a fortalecer o vínculo entre a actividade pesqueira, a economía local e a calidade de vida.
Comentarios recientes