O proxecto Mar e Rías Pesca & Turismo, no que participa activamente o GALP Golfo Ártabro Sur xunto aos outros sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, pon en marcha unha nova oferta de formación complementaria dirixida a persoas que desenvolven actividades de pesca turismo ou turismo mariñeiro, así como a aquelas interesadas en emprender neste ámbito.
A iniciativa ten como obxectivo reforzar competencias clave vinculadas á atención ao público e á mellora da experiencia turística asociada ao sector pesqueiro, contribuíndo á profesionalización e á diversificación da actividade nas nosas costas.
Formación titorizada e flexible
A oferta estrutúrase en cursos titorizados en liña, cun prazo dun mes para a súa realización unha vez formalizada a inscrición. Ao remate de cada acción formativa, as persoas participantes recibirán un certificado acreditativo de superación do curso.
Os cursos abriranse progresivamente ao longo do mes de febreiro:
- Habilidades sociais e atención ao público
- Atención a persoas con discapacidade
- Inglés para atención turística
As inscricións deberán realizarse a través da web pescaeturismo.gal, na sección Formación → Cursos, onde se pode consultar información detallada sobre cada acción formativa e seleccionar aquelas de interese.
Un proxecto de cooperación para fortalecer o turismo mariñeiro
Esta oferta enmárcase no proxecto de cooperación Mar e Rías Pesca & Turismo, no que participan os oito GALP galegos. A iniciativa ten como finalidade estender a todas as comunidades costeiras galegas a promoción das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro desde o propio sector, contribuíndo á diversificación económica e á posta en valor do coñecemento e da identidade mariñeira.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (70 %) e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia (30 %).
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur animamos ás persoas interesadas a aproveitar esta oportunidade formativa, que contribúe a mellorar a calidade da oferta turística mariñeira e a fortalecer a economía azul nas nosas rías.
Comentarios recientes