Coñecer mellor o litoral é un paso fundamental para protexelo. Con esta premisa, o GALP Golfo Ártabro Sur apoia o proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025, promovido polo Grupo Naturalista Hábitat, que combina investigación ambiental, actuacións de conservación e actividades divulgativas para mellorar o coñecemento dos ecosistemas costeiros e fomentar a implicación da cidadanía na súa protección.
A iniciativa abrangue o territorio do GALP, agás o concello da Coruña, e aborda diferentes retos ambientais a través de seis liñas de actuación organizadas en tres ámbitos: avaliación, conservación e divulgación do medio. O obxectivo é contribuír á recuperación da biodiversidade, reducir o impacto dos residuos e das especies exóticas invasoras e reforzar a relación da poboación co patrimonio natural do litoral.
No ámbito da avaliación ambiental, o proxecto contempla a identificación e cartografía de especies exóticas invasoras de flora terrestre en seis concellos costeiros. Este traballo permitirá elaborar unha base de datos xeorreferenciada e mapas actualizados que faciliten o coñecemento da súa presenza e contribúan a orientar futuras actuacións de control.
A conservación constitúe outro dos eixes fundamentais. A través de xornadas de retirada manual de especies invasoras e de recollida, clasificación e eliminación de residuos en espazos naturais, a iniciativa promove a participación do voluntariado e dos colectivos locais na mellora da calidade ambiental e na recuperación dos hábitats costeiros.
O proxecto reserva tamén un espazo destacado para a divulgación. Faladoiros formativos, roteiros interpretativos e saídas en embarcacións a vela permitirán achegar á cidadanía os valores dos ecosistemas mariños, a importancia dos recursos pesqueiros e os efectos dos residuos e do cambio climático. Estas actividades buscan fomentar unha relación máis consciente e respectuosa co medio, ao tempo que exploran as posibilidades dun turismo náutico sostible.
A través do apoio a esta iniciativa, o GALP Golfo Ártabro Sur reforza o seu compromiso coa conservación do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e coa promoción de prácticas sostibles. O coidado dos ecosistemas costeiros está directamente relacionado coa protección da biodiversidade e coa conservación dos recursos naturais dos que tamén depende a actividade marítimo-pesqueira.
O proxecto enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP, dentro do obxectivo de impulsar e aproveitar o patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas e avanzar cara a un sector pesqueiro máis resiliente.
A iniciativa conta cunha axuda pública aprobada de 50.103,49 euros, financiada nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Xunta de Galicia. O período de execución abrangue as anualidades 2025 e 2026.
Co impulso a proxectos como este, o GALP contribúe a que a protección do litoral se converta nunha tarefa compartida, na que o coñecemento científico, a participación social e a conservación dos recursos naturais camiñen da man.
Comentarios recientes