O GALP Golfo Ártabro Sur participou o 15 de novembro na xornada formativa «Como crear a miña propia empresa: Método DIY», unha iniciativa organizada pola Cámara de Comercio de A Coruña en colaboración co Concello de Sada, a través da súa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, e coa participación de Abanca. A sesión contou coa dirección do docente Ángel Noguerol, quen achegou claves e ferramentas para o emprendemento.
Durante a xornada, Amparo Dopico, técnico do GALP, presentou as liñas de axuda que a entidade ofrece para apoiar proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras. Estas axudas están dirixidas a iniciativas que reforcen a cadea de valor do sector pesqueiro, promoven a conservación dos recursos mariños, impulsen a economía local e valoricen o patrimonio cultural e pesqueiro da nosa costa.
O GALP reafirma así o seu compromiso co fomento do emprendemento sostible, ofrecendo recursos e apoio técnico a todas aquelas persoas interesadas en desenvolver proxectos que poñan en valor o potencial das nosas comunidades mariñeiras.
Comentarios recientes