O pasado 8 de maio celebrouse unha xornada de traballo e convivencia no marco do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, no que participan os oito GALP galegos. Nesta ocasión, os grupos recibiron a visita do GALP Itsas Garapen Elkartea, entidade colaboradora do proxecto, co obxectivo de dar a coñecer as iniciativas e actividades que se están a desenvolver en Galicia para favorecer o relevo xeracional no sector pesqueiro.
A xornada serviu tamén para fortalecer os vínculos entre os grupos participantes, fomentar o intercambio de experiencias e compartir diferentes formas de abordar un reto común para os territorios costeiros: garantir a incorporación de novas xeracións ás profesións vinculadas ao mar.
As actividades desenvolvéronse nos territorios dos GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra, onde se puxeron en valor diferentes iniciativas orientadas a fortalecer a conexión entre formación, innovación e actividade produtiva no ámbito marítimo-pesqueiro.
Durante a visita realizouse un percorrido polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), centro de referencia na formación especializada do sector, así como pola aula virtual da Confraría da Illa de Arousa, exemplo de innovación aplicada á formación e á transferencia de coñecemento. Ambas experiencias permitiron amosar como a incorporación de novas ferramentas formativas pode contribuír a abrir oportunidades profesionais e reforzar o futuro do sector.
A continuación, as entidades participantes celebraron unha reunión técnica no Club Náutico de Portonovo, na que se compartiron experiencias, boas prácticas e liñas de traballo conxuntas relacionadas coa atracción de talento novo ao sector marítimo-pesqueiro. Este encontro permitiu analizar os avances realizados ata o momento e identificar novas oportunidades de colaboración entre os territorios galegos e o grupo vasco.
No marco desta cooperación, está previsto que ao longo deste ano os GALP galegos realicen tamén visitas aos proxectos e iniciativas desenvolvidos por Itsas Garapen Elkartea no País Vasco, reforzando así o intercambio de coñecementos e a aprendizaxe mutua entre territorios.
A xornada concluíu cun espazo máis distendido de convivencia entre as persoas participantes, acompañado dunha degustación de produtos do mar, que serviu como peche dunha intensa xornada de traballo centrada na cooperación, a formación e o futuro do sector pesqueiro.
Este tipo de iniciativas contribúen a fortalecer a cooperación entre territorios, favorecer a transferencia de coñecemento e avanzar nun obxectivo compartido: construír un sector pesqueiro máis forte, innovador e atractivo para as futuras xeracións.
Comentarios recientes