O GALP Golfo Ártabro Sur participou na Sesión Técnica da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) 2025, que tivo lugar o martes 14 de outubro no Salón de Actos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en Madrid. A xornada congregou representantes dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro e acuícola (GAL), dos Organismos Intermedios de Xestión (OIG) das distintas comunidades autónomas, así como de FAMENET e da Autoridade de Xestión do FEMPA.

O encontro constituíu un espazo de diálogo e traballo no que se abordaron temas clave para o futuro dos GALP, compartindo experiencias, metodoloxías e solucións ás diferentes problemáticas que afectan aos grupos.

Durante a sesión tamén se falou do novo período de fondos, do papel que van xogar os GALP nel e da preocupación e incerteza que esta nova tipoloxía de fondos esperta no sector, un asunto de especial relevancia para garantir a continuidade e estabilidade das accións de desenvolvemento local participativo.

Esta sesión técnica, favoreceu a interacción directa entre os equipos técnicos, as administracións e os organismos europeos implicados na xestión do fondo, consolidando un marco de cooperación que reforza o papel dos GALP como axentes clave no desenvolvemento sostible das zonas costeiras.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur valoramos moi positivamente a celebración deste tipo de encontros, que contribúen a fortalecer as sinerxías entre territorios, mellorar a coordinación institucional e avanzar conxuntamente cara a unha xestión máis eficaz, participativa e orientada ao futuro.

A participación do noso GALP nesta sesión reafirma o compromiso coa mellora continua da nosa actividade e co impulso de proxectos que promovan o desenvolvemento local, a diversificación económica e a posta en valor dos recursos mariñeiros e pesqueiros do Golfo Ártabro Sur.