O pasado 4 de xuño, o GALP Golfo Ártabro Sur recibiu na súa sede unha delegación institucional de Guiné-Bissau, integrada por Gualdino Afonso Té, presidente do Instituto Marítimo Portuário da Guiné-Bissau, e Fernando Nacutua Saldanha, asesor do Consello de Administración para Cooperación, Formación e Medio Ambiente. A visita, organizada en colaboración co CEIDA, desenvolveuse como unha xornada de intercambio de experiencias arredor da xestión pesqueira, a comercialización dos produtos do mar, a sostibilidade e a seguridade marítima.

A recepción comezou cunha reunión de traballo na sede do GALP, na que participaron o presidente da entidade, Alberto Castro; o secretario, Manuel Suárez; e a técnica, Amparo Dopico. Durante o encontro presentouse o modelo galego de xestión pesqueira, facendo especial fincapé na gobernanza do sector, o papel das confrarías de pescadores e das organizacións de produtores pesqueiros (OPP), o funcionamento das lonxas como canle de comercialización e a importancia da investigación científica para garantir a conservación dos recursos mariños.

Ao longo da xornada tamén se compartiron experiencias sobre o desenvolvemento das zonas costeiras, as iniciativas de apoio ao sector pesqueiro e os proxectos promovidos polo GALP Golfo Ártabro Sur para impulsar a economía azul e a diversificación do territorio.

A visita completouse cun percorrido polo porto e pola lonxa de Sada, onde a delegación puido coñecer de primeira man o funcionamento da actividade pesqueira local. Un dos aspectos que espertou maior interese foi o relacionado coa seguridade a bordo das embarcacións pesqueiras e coa formación necesaria para exercer a profesión. Neste contexto, o armador do buque Olnadi compartiu a súa experiencia sobre as condicións de traballo no mar, as necesidades do sector en materia de salvamento marítimo e as medidas preventivas implantadas pola frota pesqueira galega.

Esta visita supuxo unha oportunidade para fortalecer os lazos de cooperación entre Galicia e Guiné-Bissau, favorecer o intercambio de coñecementos e poñer en valor a experiencia do sector pesqueiro galego como referente en ámbitos como a sustentabilidade, a organización profesional e a comercialización dos produtos do mar. A xornada contou coa colaboración do CEIDA, ACERGA e da Confraría de Pescadores de Sada.