O proxecto de cooperación no que participa o GALP Golfo Ártabro Sur, e no que tamén participan outros seis GALP galegos, continúa avanzando coa posta en marcha das diferentes actuacións previstas.

A iniciativa traballa para buscar novas formas de transformar, presentar e valorizar os produtos pesqueiros locais, favorecendo o seu consumo e xerando novas oportunidades vinculadas ao sector do mar. Neste momento, os distintos grupos participantes avanzan na definición das actividades e ferramentas que se desenvolverán nos diferentes territorios.

Entre as principais actuacións previstas atópanse os viveiros formativos, orientados á experimentación e á formación práctica en transformación de produtos pesqueiros, así como encontros, xornadas e accións de colaboración con centros de formación e axentes do territorio.

O proxecto busca tamén establecer as bases para a creación de espazos de traballo colaborativo especializados na transformación de produtos do mar e favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos entre os territorios participantes.

Deste xeito, o proxecto continúa avanzando na procura de novas oportunidades para o produto pesqueiro local, apostando pola innovación, o emprendemento e a diversificación como vías para xerar valor engadido e contribuír ao futuro das comunidades costeiras.

A iniciativa está financiada no marco da Prioridade 3 do FEMPA, centrada no fomento dunha economía azul sostible e no fortalecemento das comunidades pesqueiras.