Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de todo o Estado continúan reforzando o seu traballo conxunto para defender a continuidade do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no futuro marco financeiro europeo 2028-2034, ante as propostas formuladas pola Comisión Europea para o próximo período de programación.
Durante os últimos meses, os GALP veñen desenvolvendo unha intensa actividade de coordinación e representación institucional co obxectivo de trasladar ás administracións autonómicas, estatais e europeas a importancia que ten este modelo para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras e pesqueiras.
Entre as principais accións levadas a cabo destaca a elaboración e presentación dun Manifesto Nacional en defensa do Desenvolvemento Local Participativo, entregado o pasado 10 de decembro de 2025, no que os GALP reivindican a necesidade de manter unha ferramenta que, durante décadas, permitiu impulsar proxectos xeradores de emprego, diversificación económica, innovación, cohesión social e valorización do patrimonio marítimo-pesqueiro.
A este traballo sumouse a reunión mantida co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o 4 de febreiro de 2026, na que se trasladou a preocupación do sector ante a posible perda de protagonismo do DLP no futuro período de financiamento europeo e se puxeron sobre a mesa os resultados acadados polos grupos nos seus respectivos territorios.
Posteriormente, os días 18 e 19 de marzo de 2026, unha delegación dos GALP desprazouse a Bruxelas para manter diferentes encontros con representantes europeos e trasladar directamente a importancia de preservar un modelo que sitúa ás comunidades locais no centro da toma de decisións e da xestión dos fondos públicos.
Este traballo de defensa foi impulsado polos propios GALP españois, que asumiron un papel activo na coordinación e sensibilización sobre a importancia do Desenvolvemento Local Participativo no futuro marco financeiro europeo. Con este obxectivo, mantivéronse reunións e contactos con redes europeas como FAMENET e con redes nacionais como a Rede Española de Grupos de Pesca (REGP), co fin de trasladar a preocupación existente ante as propostas da Comisión Europea e buscar posicións comúns de apoio ao modelo.
Como resultado deste labor de coordinación, estableceuse unha ampla rede de colaboración entre grupos de pesca de distintos países europeos, constatándose un elevado nivel de implicación e interese por parte do sector. Neste momento estase a traballar na elaboración e sinatura dun Manifesto Europeo en defensa do Desenvolvemento Local Participativo, unha iniciativa que está a sumar a adhesión de numerosos GALP de toda Europa e que busca trasladar ás institucións comunitarias a importancia de manter un modelo que demostrou a súa eficacia no desenvolvemento das comunidades costeiras e pesqueiras.
Neste contexto enmárcanse tamén os encontros celebrados recentemente en L’Escala, que serviron para reforzar a coordinación entre grupos, compartir información sobre a evolución das negociacións e seguir construíndo unha estratexia común de defensa do modelo.
O próximo 9 de xuño, unha delegación dos GALP continuará este labor institucional mediante unha visita ao Congreso dos Deputados e ao Senado, onde se trasladará aos distintos grupos políticos a importancia de manter un instrumento que permitiu canalizar investimentos, xerar oportunidades e impulsar proxectos transformadores nos territorios costeiros.
Os GALP consideran que o Desenvolvemento Local Participativo é moito máis que unha ferramenta de financiamento. Trátase dun modelo baseado na participación, na gobernanza local e na capacidade dos propios territorios para identificar as súas necesidades e construír solucións adaptadas á súa realidade.
Por este motivo, os grupos continúan traballando de maneira coordinada a nivel autonómico, estatal e europeo para garantir que as comunidades pesqueiras sigan contando cun instrumento eficaz para afrontar os retos económicos, sociais e ambientais do futuro, mantendo vivo un modelo que leva anos demostrando a súa capacidade para transformar positivamente os territorios costeiros.
A mensaxe que une a todos os GALP nesta defensa do Desenvolvemento Local Participativo é clara: sen fondos europeos non hai pesca, sen pesca non hai pescadores e sen pescadores non hai desenvolvemento local participativo.
Comentarios recientes