O pasado 12 de outubro, unha representación europea dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e Acuícola (GALPA) participou nunha audiencia pública no Parlamento Europeo, en Bruxelas, para trasladar ás institucións comunitarias a realidade das comunidades pesqueiras e reivindicar o papel do desenvolvemento local na construción do futuro do sector.

Durante a sesión, as persoas representantes defenderon a continuidade da estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (CLLD) e o mantemento do apoio aos GALPA no marco das políticas europeas posteriores a 2027. A súa intervención puxo o foco na importancia de que as comunidades costeiras poidan participar directamente nas decisións que afectan o seu futuro.

O enfoque de abaixo cara arriba (bottom-up) permite que os propios territorios identifiquen as súas necesidades e impulsen proxectos adaptados á súa realidade. A través dos GALPA, esta metodoloxía contribúe a xerar actividade económica, emprego e oportunidades, ao tempo que favorece a diversificación e fortalece o tecido social das zonas costeiras.

A audiencia foi tamén unha oportunidade para dar visibilidade á pesca artesanal e de baixura, así como ao seu papel económico, social e cultural. Nun contexto no que se está a debater o futuro das políticas europeas de financiamento, a continuidade dos GALPA considérase fundamental para garantir que as comunidades pesqueiras sigan tendo capacidade de decisión sobre o seu propio desenvolvemento.

A defensa do Desenvolvemento Local Participativo busca, así, asegurar que a transición cara a unha economía azul sostible e inclusiva teña en conta as necesidades reais de quen vive e traballa do mar.

Podes consultar a sesión completa a través da gravación da audiencia pública no Parlamento Europeo.

Ademais, está aberta a petición para defender o futuro da pesca e reclamar a continuidade dos GALPA máis alá de 2027. Podes asinala e compartila aquí.