O pasado 4 de febreiro, unha comisión representativa dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de distintas comunidades autónomas mantivo un encontro con Aurora de Blas, directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura e presidenta da Rede de Grupos de Pesca e Acuicultura, e con Manuel Pablos, subdirector xeral de Sostibilidade Económica e Asuntos Sociais, para abordar o papel dos GALP no novo período do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Durante a reunión púxose en valor a función esencial dos GALP como instrumentos de gobernanza participativa, impulsores do desenvolvemento sostible, da dinamización socioeconómica e da cohesión territorial nas zonas costeiras. Así mesmo, destacouse a súa capacidade para canalizar iniciativas locais que fortalecen a economía azul e xeran oportunidades no litoral.
Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación trasladouse o respaldo institucional aos GALP e o compromiso de traballar para garantir a súa continuidade e estabilidade neste novo período de programación do FEMPA.
No caso de Galicia, participou María del Carmen Vázquez Nores, presidenta do GALP Ría de Pontevedra, quen actuou como voceira dos oito GALP galegos: GALP A Mariña-Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra, GALP Ría de Vigo-A Guarda e GALP Golfo Ártabro Sur.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur continuamos traballando para fortalecer a economía azul e impulsar un desenvolvemento sostible que garanta o futuro das comunidades costeiras e do sector pesqueiro.
Comentarios recientes